Fenosa debe artellar unha resposta urxente ante a gravidade da situación que viven milleiros de galegos que seguen sen electricidade

28 de xaneiro 2009

A COGAVE manifesta o seu fondo malestar ante a tardanza de Fenosa en restablecer o suministro eléctrico. A situación que viven hoxe milleiros de persoas pon de relevo unha falla de previsión e capacidade de actuación tremendas por parte da suministradora eléctrica. Tamén seguimos a coñecer relatos dramáticos de persoas que quedaron illadas sen servizo e perdas millonarias en explotacións que aínda hoxe seguen sen obter resposta.

A calidade do servizo e a tardanza das actuacións contrastan cos beneficios multimillonarios que cada ano declaran as compañías eléctricas. As continuas subas na tarifa da electricidade que se incrementa moi por riba do IPC e que lentamente afogan a moitas familias humildes de Galicia, non está en relación coa calidade do servizo que segue estancada e presenta moitas deficiencias especialmente no rural.

Resulta incluso paradóxico que os incrementos no recibo sexan a miúdo xustificados polas eléctricas co argumento de reinvestir no acondicionamento e actualización da rede, cando feitos coma o da fin de semana poñen unha vez máis de relevo o obsoleto do sistema, a falla de mantemento e a fraxilidade da rede. Tantas contradiccións denotan unha falla total de control da administración sobre a actividade destas grandes empresas, polo que demandamos se implique de cheo no futuro de cara á mellora da rede e na actualidade para que se restableza a normalidade e facer valer os dereitos da cidadanía nas súas reclamacións.

Desidia
Queremos salientar que a caída dos tendidos eléctricos non é achacable exclusivamente á forza dos ventos. As torretas de media tensión están calculadas para soportar ventos extremos, á súa resistencia se aplican coeficientes de seguridade que multiplican estas medidas polo que os organismos responsables deberían investigar a causa de que os ventos da fin de semana botase abaixo os tendidos e analizar outros posibles factores como o sobredimensionamento das liñas ou o escaso mantemento dos postes de madeira e formigón.